Sinopsis PEDRA SOBRE PEDRA
Pedra sobre pedra sitúase no momento da construción do Pórtico da Gloria, co Mestre Mateu «afanado en protexer a evolución e remate» da súa grande obra que, malia todos os atrancos, chegou aos nosos días como unha das máis impresionantes mostras escultóricas do Románico europeo. Como explica o autor, a obra conta «a historia dunha infamia frecuente: a vivida polos que sofren o espolio das súas ideas, dos seus proxectos, dos seus soños... con total impunidade».
Na obra destaca a súa versatilidade estrutural, que fai que o texto poida resultar acaído para montaxes tanto de pequeno como de gran formato, sen perder por iso a súa identidade como espectáculo; a capacidade para demostrar que un motivo artístico tradicional, como é o do Pórtico da Gloria, pode ser susceptible de tratamentos novos; finalmente, o suxerinte que o texto resulta tanto no literario como no escenográfico ou mesmo no técnico.