Sinopsi A prensa en Galicia na transición
Os xornais son a testemuña do seu tempo e, á vez, unha ferramenta fundamental para darlle forma. Ao longo da Transición, a prensa serviu de escenario para a loita entre varios proxectos de sociedade e, en maior ou menor grao, foi escaparate das ansias de cambio. A iso contribuíu a chegada ás redaccións dunha nova xeración de xornalistas que, grazas a unha liberdade da que hoxe carecerían na maior parte das empresas, sinalaron un camiño para a democratización do país e tamén para as demandas de autogoberno.
En A prensa en Galicia na Transición, Marcos Pérez Pena realiza un minucioso percorrido polos principais acontecementos sociopolíticos da época para recoñecer o papel determinante dos xornais no seu desenvolvemento. Moitas cousas mudaron despois, a partir de 1980, unha vez consolidado o proceso de Transición e fixados os límites do consenso. Tamén nos medios, onde os xornalistas viron moi limitada a súa autonomía.