Sinopsi Alborada de Edipo
Toda esta materia, creada en culturas tan distantes no espazo e no tempo, comparte, de maneira máis ou menos clara, unha estrutura argumental que sustenta o fenómeno chamado Edipo. Este sinal foi o que nos puxo a camiño, hai xa tempo, en procura dunha revelación que intuíamos remota. E foron diversas as que o camiño nos outorgou, tanto da man dos textos "canónicos" como doutros aparentemente alleos ao "xénero edípico". E así, baixo o mesmo mencer co que partíramos, logramos chegar, igual que Ulises, igual que Edipo, si, á nosa patria, á nosa verdade.
Mais a pretensión de Alborada de Edipo non é proclamar A Verdade, e moito menos explicala. Alén das interpretacións que se veñen dando ao tema desde finais do século XIX, nas páxinas que veñen a seguido leremos: Edipo somos nós: materia viva, e explicar a materia viva, fixala, é tirarlle o alento. Conque o presente traballo non resolve nin conclúe, só comparte unha experiencia ou, como moito, convida a unha viaxe, que debe ser feita en soidade, e con risco de extravío, pola beira do misterio que nos impulsa en espiral contra as múltiplas formas de alienación que o mundo deita ao noso paso.