Sinopsi Fonética e fonoloxía históricas da lingua galega
Moitas das páxinas deste libro están dedicadas á exposición das mudanzas fonéticas e fonolóxicas que mediaron entre o latín que os romanos trouxeron á Gallaecia no século II a. C. e o galego que chegou ás portas do século XVI. É un período moi extenso cuxa exposición non podemos subdividir, porque a escaseza dos coñecementos que temos sobre o latín galaico e o protorromance galego aínda non nolo permite. O percorrido complétase coa reconstrución das mudanzas do galego medio (sécs. XVI-XVIII) e do galego contemporáneo (sécs. XIX-XXI), que vive certamente asediado por graves problemas, mais sostido por un grupo social aínda numeroso e en condicións de desempeñar todo tipo de funcións comunicativas.