Sinopsi HISTORIA DA LITERATURA GALEGA IV
En liña co labor anterior, o autor alicerza unha narración documentada da etapa que transcorre entre as tráxicas xornadas de xullo de 1936 e os últimos días de 1975. Trátase do período da «longa noite de pedra», a partir do célebre título de Celso Emilio Ferreiro, pero tamén, desde mediados dos anos 60 e ao longo da primeira metade dos 70, do momento en que se anuncia a alborada do Segundo Rexurdimento das nosas letras, que se habería de producir tras a fin da ditadura franquista e a restauración das liberdades democráticas en España. Corenta anos de sombras e de marxinación, pois, mais tamén corenta anos de loita, de esperanzas e de logros decisivos, alumeados polas luces escintilantes dalgúns dos nomes e dos textos máis significativos na traxectoria das letras de noso.
Percibir a obra literaria como parte dun organismo vivo, resultado da interacción constante entre a mobilización galeguista/nacionalista e os proxectos dos diferentes autores; considerala nas coordenadas socioculturais e sociopolíticas; procurar a textualidade de cada creador; abordar o macrotexto que se conforma nas súas converxencias verticais e horizontais, todo iso determina a proposta que Xosé Ramón Pena leva a termo, alén de prexuízos e de clixés, ao longo destas páxinas. Sen dúbida, un percorrido a través dun tempo tan cheo de dificultades como fascinador.