Sinopsi Natureza e vulnerabilidade
A través das súas páxinas veremos que a natureza segue a ocupar un lugar preeminente nas preocupacións das nosas sociedades contemporáneas, ora como recurso que aproveitar, ora como espazo que habitar. Sexa de esguello ou directamente, como fai o ecoloxismo, as miradas cara á natureza continúan a estar presentes nos nosos discursos e elaboracións teóricas en diferentes eidos. O presente libro fai unha análise orixinal, pertinente e rigorosa sobre o concepto de natureza, a partir da constatación da súa vulnerabilidade, entendida esta como exposición ao dano e como apertura. Unha vulnerabilidade que non se refire á súa esencia, senón aos acontecementos históricos que desembocaron nela.
Hoxe cobra importancia pensar na Terra, cando o despregue do gran capital e a súa globalización económica destrúen e actúan como contrapunto da mesma, solapándoa, ocultándoa e negándoa, tendo como resultado a conseguinte crise ecolóxica na que estamos inseridos. Unha crise que pon o foco na lameira sobre a que se sustentan as nosas sociedades, pasando por alto toda unha ontoloxía de relacións que explica a nosa comunidade de vida.