Sinopsi O portugués esquecido
NOTA Á SEGUNDA EDICIÓN
Transcorridos apenas algúns meses desde que este traballo foi dado a lume pola primeira vez, a boa acollida que tivo evidenciou a necesidade dunha nova saída do prelo. Vaia a nosa gratitude, antes de máis, para todas as persoas que mostraron interese por el, as cales, parafraseando a citación de Estevan da Guarda que abre as portas da obra, enveredaron os camiños "d'antre Doiro e Minho" d'O portugués esquecido. Precisamente, varias desas lecturas que fixeron amizades e colegas serviron para repararmos nalgunha gralla, ao paso que tamén se tornaron úteis para reflectirmos á volta de determinadas cuestións ou sobre a focaxe aplicada a diversas temáticas. A actual segunda edición, grazas á xentileza de quen leu o texto ao pouco de ser publicado, emenda eses pequenos erros de que puidemos ter noticia, en canto mantén os mesmos capítulos e contidos que a primeira; caso haxa oportunidade no futuro, aqueles e estes poderán ser debidamente actualizados.
Finalmente, non quereriamos deixar de aproveitar a oportunidade para agradecermos a Laiovento o facto de apoiar con entusiasmo a publicación deste estudo, xa agora no seu segundo lanzamento ao público. Sen dúbida, a Galiza que soñamos ficaría máis lonxe sen proxectos como o que representa aquela feliz aventura nada en 1990 e que fai da lingua e da cultura galega e en galego a razón da existencia da editora.
Agra do Orzán,
A Coruña, decembro de 2021