Sinopse Memorias dunha republicana
Nai de tres fillas e un fillo de dúas parellas, que abandonaron as súas responsabilidades, María Teresa Alvajar tivo moita coraxe, nun tempo en que as mulleres semella que tiñan que pedir permiso para vivir, para amar. Camiñante solitaria polo escuro bosque da incomprensión, do machismo imperante, moitas das circunstancias que atravesou son produto dun tempo en que o control da moralidade constituíu unha verdadeira obsesión para os franquistas.
Con María Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana recupérase máis unha voz da memoria democrática, unha voz necesaria que nos achega momentos transcendentais (República) e períodos verdadeiramente traumáticos (guerra e franquismo) da nosa historia. Un relato, en edición de Aurora Marco, que vén enriquecer o conxunto de textos memorialísticos de autoría feminina publicados nos últimos anos. Unha historia de desarraigo violento, duro, adobiado de estrañeza, soidade, incerteza e de penurias na procura da supervivencia. Unhas memorias que non van deixar indiferente a ninguén.