Synopsis Romances populares gallegos recogidos de tradición oral
Alfonso Hervella combinou o seu labor de xurista coa investigación en temas históricos e literarios. En 1911 publicou en Ourense El libro de los portentos, que inclúe poemas de carácter relixioso, romances e exempla.
En xullo de 1909 presentou á Exposición Regional Gallega unha colección de romances de máis dun centenar de textos, que Diego Catalán cualifica de espléndida. Este estudoso do romanceiro di da obra de Hervella que «por primeira vez un colector galego acometera, con entusiasmo e resultados magníficos, o estudio de acervo romancístico dunha bisbarra». A maioría dos textos pertencen ao máis xenuíno romanceiro tradicional, segundo Ana Valenciano, que considera o traballo de Hervella «como unha das contribucións máis importantes ao estudio do Romanceiro». O autor subliña que todas as versións do seu romanceiro son copias fieis das narracións orais, sen amaños e sen retoques.