Sinopse O VOLFRAMIO EN VARILONGO
É o ouro que disputaban, felinamente, axentes dos nazis e axentes dos aliados para perfeccionaren as súas terribles armas de guerra. Disputas nas que, en ocasións, atopamos empresarios, traballadores ben pagos e veciños que andaban "á roubeta" perseguidos pola Garda Civil. Alá no fondo, movendo algúns dos fíos do negocio, xentes moi vinculadas a Franco, como o seu cuñado Ramón Serrano Suñer (ex-ministro), o capitalista Ildefonso Fierro ou o pai de Cristóbal Martínez Bordiu.
Entre os que gañaron o pan nas minas de Varilongo está unha familia ilustre, honrada e castigada: os Liste (seis membros) da parroquia de Calo, con Eduardo Liste Forján á cabeza, irmán de Enrique Líster, o heroico capitán das milicias republicanas.
Esta é a primeira monografía sobre o tecido sociopolítico do volframio galego, que tantas cobizas enfrontou e tantos hábitos mudou noutras partes de Galicia, desde as ricas minas de Silleda ós pequenos filóns de San Paio de Ventosela, nas terras de Ribadavia.
Xesús Alonso Montero